jueves, 22 de julio de 2010

Actividades 2009

Viaxe a Valladolid:

         O pasado verán a Agrupación Musical da Guarda viaxou ata Valladolid os días 17, 18 e 19 de xullo para participar no intercambio que realizou coa Banda de Música de Arroyo de la Encomienda.
   
    Aproveitando a viaxe, de camiño a Valladolid os compoñentes da banda visitaron Allariz e o conxunto histórico de Puebla de Sanabria, así como o seu fermoso lago. Xa en Valladolid foron recibidos polo director e membros da Xunta Directiva da Banda de música valisoletana que agardaban para acompañalos ata o seu aloxamento na capital castelá.

Os intercambios que realiza a nosa Agrupación son culturais ademais de musicais, por iso o sábado día 18 pola mañá desprazáronse ata Urueña (La Villa del Libro), onde puideron admirar o seu conxunto histórico, a cidade medieval, e visitar o Museo de Instrumentos Antigos de Urueña así coma o museo de Tradicións Castelás no Monasterio de la Santa Espina.


Banda de Arroyo de la Encomienda durante o pasarrúas previo ó Encontro das Bandas.


Xa pola tarde achegáronse ata Arroyo de la Encomienda para participar, ás 20:30 h., no “I Encuentro Nacional de Bandas” compartindo escenario coa banda local e coa Banda de Música Municipal de Pedrajas de San Estéban.


A Agrupación Musical da Guarda durante a sua actuación en Arroyo de la Encomienda.
Ó remate do festival, e trala entrega de agasallos, a banda local ofreceu unha cea para as bandas participantes nun local do municipio.

Dende aquí queremos agradecer a hospitalidade con que esta banda nos tratou, tanto por parte dos músicos e director, como da Xunta Directiva.




Os tres directores ó remate do Encontro das Bandas.


O domingo 19  os nosos músicos, sempre acompañados por membros das directivas de ámbalas dúas bandas,  visitaron o Auditorio de Valladolid “Centro Cultural Miguel Delibes”, sede da Orquestra Sinfónica de Castela-León e un dos maiores auditorios de Europa, para  a continuación dar  un percorrido polo centro histórico de Valladolid. Xa pola tarde, desprazáronse ata Salamanca para coñecer os lugares máis emblemáticos da cidade e a última hora emprenderon viaxe de regreso á Guarda.

Banda Sinfónica de Arroyo de la Encomienda actuando na Praza de San Benito.


Como remate deste Intercambio, os días 24, 25 e 26 de xullo a Banda Sinfónica de Arroyo de la Encomienda devolveunos a visita, para participar no “III Festival de Bandas de Música Vila da Guarda” xunto coa Agrupación Musical de Goián. Durante a súa estadía na nosa vila, visitaron o Trega, o porto e os lugares de máis interese. Tamén tiveron tempo para achegarse ata outros municipios próximos, incluíndo o norte de Portugal.

    O Festival tivo lugar como é costume na Praza de San Benito cunha gran asistencia de público facendo que un ano máis o evento resultara un éxito. O acto estivo presentado por Antón Ferreira, a quen damos as grazas pola súa desinteresada colaboración.

No hay comentarios:

Publicar un comentario