viernes, 31 de julio de 2015

CONCERTO X ANIVERSARIO



Onte xoves pola noite ofrecemos o último dos concertos que tiñamos organizados para conmemorar o noso X aniversario. Foi un concerto diferente os habituais no que se combinaron a música e a imaxe. Afortunadamente o tempo non foi tan malo como se prevía e permitiunos seguir o plan previsto ata o final, ante unha praza ateigada de xente que desfrutou do espectáculo. 
 O acto estivo presentado polo actor e director guardés Nani Matos que nada máis terminar o concerto, foi chamando ós músicos fundadores que aínda continúan na banda para entregarlles de mans do director Víctor Alonso, un simbólico diploma en agradecemento e recoñecemento polo seu traballo e dedicación ó longo destes dez anos. A continuación unha compoñente da directiva fixo entrega dun agasallo a Víctor. Nani Matos fixo un paréntese para dedicar unhas palabras ó director destacando a amizade que os une desde hai trinta anos e de seguido, a presidenta da agrupación entregoulle un detalle para agradecerlle a súa colaboración. Como broche final proxectáronse unha serie de fotos que resumían a historia da banda nestes dez anos de andadura, desde a súa presentación oficial o 25 de xuño de 2005 ata hoxe; un percorrido no tempo no que se mostraron actuacións, viaxes, certames e como non, momentos de ocio nos que os nosos músicos desfrutan da súa amistade e compañeirismo fóra do ámbito musical.



 
O noso agradecemento o Concello da Guarda e a Concellaría de Cultura pola súa colaboración. Tamén moitas grazas a Nani Matos, Agrupación Musical do Rosal, Brais Martínez e cantas persoas nos axudaron na realización deste evento, e as casas comerciais que nos apoiaron desde o principio.

Rematado este ciclo de concertos que esperamos foran do voso agrado, estamos preparando xa o IX Festival de Bandas de Música que será o vindeiro 22 de agosto na Praza de San Bieito ou nos PP Somascos se chove. 

Moitas grazas a todos por compartir con nós estes momentos musicais. 
Esperámosvos o día 22. Non faltedes !!

domingo, 12 de julio de 2015

2º CONCERTO X ANIVERSARIO

O venres día 10 desfrutamos dunha agradable noite de jazz no acolledor escenario da praza do Reló. O magnífico grupo St. James Street Band nun ambiente tranquilo e relaxado, fixo un percorrido polo jazz tradicional ofrecendo temas de calidade e boa música para o numeroso público que se achegou ata a praza.

Lembrade que o vindeiro día 30 será o terceiro concerto do noso X aniversario. Esperámosvos a todos.