jueves, 22 de julio de 2010

IX Certamen Provincial de Bandas.


Momento da actuación da Agrupación Musical de A Guarda no Certamen Provincial.

O pasado mes de outubro a nosa banda participou por primeira vez nun certame de bandas, acudindo ao IX Certame Provincial de Bandas da Deputación de Pontevedra. Participou na 3ª categoría (para bandas de ata 45 músicos) interpretando como obra libre “Virginia” e logrando o 2º premio.


Este premio foi motivo dunha gran alegría para todos, en especial para os músicos que traballaron moi duro durante todo o verán e que se esforzaron por facelo o mellor posible. Dende aquí queremos felicitar tanto ós compoñentes da banda como ó seu director Víctor, que fixo un gran traballo.

O remate do certame os músicos da Agrupación Musical de A Guarda celebraron o seu logro.



 Ademais organizáronse outras actividades como o concerto de preparación para o Certame ou o xa tradicional Concerto de Santa Cecilia na Igrexa Parroquial de Santa María de A Guarda, esta vez acompañados polo Grupo de Acordeóns Mascarenhas; a banda tamén actuou en moitas festas da comarca ao longo do verán ofrecendo pasarrúas e concertos.

Aquí tedes un video da Agrupación Musical de A Guarda tocando Virginia, durante o certame:

Actividades 2009

Viaxe a Valladolid:

         O pasado verán a Agrupación Musical da Guarda viaxou ata Valladolid os días 17, 18 e 19 de xullo para participar no intercambio que realizou coa Banda de Música de Arroyo de la Encomienda.
   
    Aproveitando a viaxe, de camiño a Valladolid os compoñentes da banda visitaron Allariz e o conxunto histórico de Puebla de Sanabria, así como o seu fermoso lago. Xa en Valladolid foron recibidos polo director e membros da Xunta Directiva da Banda de música valisoletana que agardaban para acompañalos ata o seu aloxamento na capital castelá.

Os intercambios que realiza a nosa Agrupación son culturais ademais de musicais, por iso o sábado día 18 pola mañá desprazáronse ata Urueña (La Villa del Libro), onde puideron admirar o seu conxunto histórico, a cidade medieval, e visitar o Museo de Instrumentos Antigos de Urueña así coma o museo de Tradicións Castelás no Monasterio de la Santa Espina.


Banda de Arroyo de la Encomienda durante o pasarrúas previo ó Encontro das Bandas.


Xa pola tarde achegáronse ata Arroyo de la Encomienda para participar, ás 20:30 h., no “I Encuentro Nacional de Bandas” compartindo escenario coa banda local e coa Banda de Música Municipal de Pedrajas de San Estéban.


A Agrupación Musical da Guarda durante a sua actuación en Arroyo de la Encomienda.
Ó remate do festival, e trala entrega de agasallos, a banda local ofreceu unha cea para as bandas participantes nun local do municipio.

Dende aquí queremos agradecer a hospitalidade con que esta banda nos tratou, tanto por parte dos músicos e director, como da Xunta Directiva.




Os tres directores ó remate do Encontro das Bandas.


O domingo 19  os nosos músicos, sempre acompañados por membros das directivas de ámbalas dúas bandas,  visitaron o Auditorio de Valladolid “Centro Cultural Miguel Delibes”, sede da Orquestra Sinfónica de Castela-León e un dos maiores auditorios de Europa, para  a continuación dar  un percorrido polo centro histórico de Valladolid. Xa pola tarde, desprazáronse ata Salamanca para coñecer os lugares máis emblemáticos da cidade e a última hora emprenderon viaxe de regreso á Guarda.

Banda Sinfónica de Arroyo de la Encomienda actuando na Praza de San Benito.


Como remate deste Intercambio, os días 24, 25 e 26 de xullo a Banda Sinfónica de Arroyo de la Encomienda devolveunos a visita, para participar no “III Festival de Bandas de Música Vila da Guarda” xunto coa Agrupación Musical de Goián. Durante a súa estadía na nosa vila, visitaron o Trega, o porto e os lugares de máis interese. Tamén tiveron tempo para achegarse ata outros municipios próximos, incluíndo o norte de Portugal.

    O Festival tivo lugar como é costume na Praza de San Benito cunha gran asistencia de público facendo que un ano máis o evento resultara un éxito. O acto estivo presentado por Antón Ferreira, a quen damos as grazas pola súa desinteresada colaboración.