lunes, 29 de diciembre de 2014

SORTEO NADAL

Pois este ano tampouco houbo sorte coa lotería de Nadal, pero revisade as vosas participacións por se algún de vos é o agraciado coa cea que se sorteaba co número de serie das papeletas da agrupación.

O número premiado é o   437

FELIZ  2015 !!

lunes, 24 de noviembre de 2014

CONCERTO SANTA CECICLIA 2014



Gran afluencia de público na igrexa a pesar da chuvia que non parou en todo o día para presenciar o concerto que deu comezo ás 20:30 h como estaba previsto. A Banda Infantil  dirixida como sempre por  J. Antonio Soutelo, fixo unha magnifica actuación e os rapaces convenceron o público que se entregou, respondendo con fortes aplausos. As nosas felicitacións a todos os seus compoñentes e a  José Antonio que fixo un gran traballo.

Ó rematar os músicos retiráronse para dar paso ós seus compañeiros da Agrupación Musical da Guarda pero antes de comezar á súa actuación, o presentador  D. Jesús García Villadóniga, foi chamando un a un ós músicos da infantil que pasan a formar parte da banda grande  desde agora, para que recibiran da man dos seus compañeiros Coral, Laura e Raquel a insignia da Agrupación e se incorporaran ó grupo.  Entre os novos compoñentes da banda atópase a nosa presidenta Elena que coa súa constancia conseguiu acadar a súa meta. Foi a súa propia filla Melissa, compoñente tamén da agrupación, quen lle puxo a insignia e a convidou a sentarse na súa cadeira. Dende agora nai e filla compartirán a súa afección. Desexámoste unha longa traxectoria musical. E por suposto parabéns tamén ás outras tres rapazas que comezan a unha nova etapa chea de ilusión e optimismo. Os  nomes destes novos músicos son:






Alba Barbosa ........saxofón


                      
 Coral ponlle a insignia á súa nova compañeira Elena














                                                              


Andrea Fernández .........Frauta




Andrea posa con Laura despois de recibir a insignia













Candela Pérez...... Frauta




  
Candela recibe a insignia de mans de Raquel





                      




   
                                                            



        Elena Álvarez......... Saxofón



         Melissa ponlle a insignia á súa nai Elena, a nosa presidenta













* Fotos cedidas por Lalo Rodríguez



Unha vez acomodados, Víctor Alonso Treinta dirixiu a actuación dos maiores ofrecendo catro obras, unha delas con Melissa como clarinete solista que foi moi ovacionada. O público implicouse coa banda desde o principio e gozou coas interpretacións dos nosos músicos que estiveron estupendos e, por certo moi elegantes co seu novo uniforme que estreaban para a ocasión. A banda agradeceu os aplausos dos presentes cun pasodoble fóra de programa, co que puxeron fin á súa participación neste concerto. Moi ben rapaces, seguide así. Parabéns Víctor.

Antes de rematar Miguel Carrero un dos percusionistas da banda entregou un agasallo a D. Jesús en nome da Agrupación Musical da Guarda. Queremos  agradecerlle dende aquí a súa inestimable colaboración, xa que sen a súa axuda non sería posible a realización deste concerto.

Grazas tamén a todos os que nos acompañastes nesta data tan especial para os músicos pola vosa presenza, polo voso apoio e pola vosa fidelidade porque sabemos que moitos de vos estades aí sempre que tocamos. Ata o vindeiro ano.


miércoles, 27 de agosto de 2014

VIII FESTIVAL DE BANDAS DE MUSICA

Bo concerto o do pasado sábado na Praza de San Bieito. A xente foise achegando pouco a pouco a medida que avanzaba a tarde ata casi encher as gradas nunha das poucas tardes con bo tempo que temos neste verán tan atípico. Presentado unha vez máis por Elena Baz, a quen agracedemos a súa desinteresada axuda, o VIII Festival de Bandas Vila da Guarda deu comezo puntualmente coa entrada das bandas na praza logo de facer un pasarrúas polo paseo do porto.

 Ás 20:00 horas comezaba o concerto coa actuación da Banda Popular de Rubiós (As Neves) e de seguido a Banda Xuvenil de Torroso (Mos). Antes de comezar o seu concerto a nosa banda, membros da directiva fixeron entrega duns agasallos ás bandas invitadas; así mesmo o concelleiro de cultura Antonio Lomba, entregou tamén uns agasallos en nome do Concello ás tres formacións musicais.

Ó finalizar a actuación da Agrupación Musical da Guarda procedeuse ó sorteo dun lote de produtos entre o público presente e despois de entregar a cesta á persoa agraciada co número premiado, Elena deu por rematado o festival deste ano 2014.

O noso máis sincero agradecemento ó público asistente pola súa calorosa acollida, polos seus aplausos tan importantes para os músicos e pola súa fidelidade ano tras ano e concerto tras concerto. Grazas tamén ó Concello pola súa colaboración e os PP Somascos que sempre nos abren as súas portas. Por suposto moitas, moitas grazas ós establecementos colaboradores que coa súa achega fan posible a realización deste evento.

Esperamos vernos de novo o vindeiro ano nunha nova edición.

sábado, 2 de agosto de 2014

CONCERTO DA BANDA DE MÚSICA DE PÁJARA



O pasado día 23 de xullo visitounos a Banda de Música Municipal de Pájara (Fuerteventura)  que se encontraba facendo una xira pola zona, e a que tivemos ocasión de acompañar nun concerto ofrecido na Praza de San Bieito. Un dos compoñentes desa agrupación é veciño da Guarda aínda que leva moitos anos residindo nas Canarias. Desde aquí enviámoslles  un afectuoso saúdo, foi un verdadeiro pracer  contar coa súa presenza e desexamos que gozaran da súa estadía na nosa terra


Bandade Música de Pájara



Lito, compoñente da banda de Pájara e veciño da Guarda  con Elena, presidenta da nosa Agrupación 




Os dous directores ó finalizar o concerto










Para ver todas as fotografías de Lalo Rodríguez 




domingo, 8 de junio de 2014

CONCERTO SOLIDARIO



Pois ao final, foi no colexio dos PP Somascos. O sábado amañeceu un día inestable que nos levou a dubidar sobre ónde celebrar o Concerto Solidario previsto inicialmente na Praza de San Bieito. A tarde desapracible por mor do vento e do frío fíxonos descartar a praza como escenario debido a ameaza de chuvia e unha vez máis o patio cuberto do cole acolleu á nosa agrupación.

Este ano o concerto foi a beneficio da Cruz Vermella, cuxos voluntarios estiveron no evento para recoller os alimentos doados pola xente que se achegaba a presenciar o concerto. Tamén ofreceron ós presentes a lotería do Sorteo del Oro e información das actividades levadas a cabo por esta organización na zona.



O evento presentado por Óscar Dorado, comezou coa actuación dos alumnos de percusión da nosa agrupación Brais, María, Jose e Julián, interpretando dúas divertidas pezas cuns “instrumentos” moi orixinais que arrincaron fortes aplausos do público.



 



 A continuación un dúo tamén de percusionistas formado por Miguel e Jorge sorprenderon o todos coa súa destreza coas baterías sendo moi ovacionados.





O presentador deu paso á segunda parte do concerto esta vez a cargo da Banda Infantil. Dirixidos por J. Antonio Soutelo fixeron unha gran actuación e continuaron con tres pezas acompañados polas voces do Coro Infantil do Colexio dos PP Somascos. Parabéns.
 
 



Para finalizar o concerto a Agrupación Musical da Guarda, como sempre baixo a dirección de Víctor Alonso Treinta, ofreceu varios temas e fixeron pasar un bo rato ós alí presentes que marcharon satisfeitos. Unha magnífica actuación cunha gran sonoridade e animación. Moi ben rapaces, seguide así.



O noso agradecemento a todos os que se achegaron para colaborar nesta causa. Grazas tamén á dirección do colexio por prestarnos as súas instalacións para levar a cabo esta actividade solidaria.


Preme aquí para ver as fotos de Lalo Rodríguez





lunes, 2 de junio de 2014

CONCERTO NO COLEXIO

O pasado sábado día 31 tivo lugar no colexio dos PP Somascos o concerto infantil, cunha moi boa acollida por parte do público que se achegou ata o patio do colexio para escoitar os nenos e nenas que compoñen os dous grupos participantes. Cun pequeno retraso por causas alleas a nós abriu o concerto o Coro do Colexio dos PP Somascos, grupo formado por máis de 50 nenos e nenas de entre 5 e 15 anos. Os rapaces dirixidos por Mari Silda cantaron tres pezas populares galegas,conseguindo entusiasmar as máis de 200 persoas que enchían o patio.


Seguidamente os 27 rapaces e rapazas da banda infantil da Agrupación Musical da Guarda acomodáronse nas súas cadeiras para comezar a actuación baixo a dirección de J. Antonio Soutelo Muñoz.


O remate, o Coro volveu as súas bancadas para cantar de novo, esta vez acompañados pola banda. Foi un fermoso concerto, non só polo ben que o fixeron senón tamén pola simpatía dos máis pequenos que fixeron as delicias do público. Unha nova experiencia tanto para o coro como para a banda infantil, xa que nunca antes actuaran conxuntamente e o resultado non puido ser mellor. Agora teremos ocasión de escoitalos de novo no concerto solidario do vindeiro día 7, esta vez na Praza de San Bieito. Acudide a velos, seguro que non vos decepcionarán. Agradecemos ós PP Somascos a súa desinteresada e importantísima colaboración ó prestarnos ás súas instalacións sempre que o necesitamos, e tamén grazas a todos os que vos achegastes para gozar da música e das voces destes rapaces e rapazas.


 Galería de fotos de Lalo Rodríguez


lunes, 17 de febrero de 2014

domingo, 19 de enero de 2014

ACTUACIÓN LUAR

O vindeiro venres día 24 de xaneiro a Agrupación Musical da Guarda actuará no programa LUAR da Televisión de Galicia. Será ás 22:00 h.