martes, 18 de mayo de 2010

D. Castelar Piedra Pérez

Nace na  parroquia de San Xoán de Tabagón no Concello do Rosal no ano 1930, no seo dunha familia de grande tradición musical, sendo fillo do director da antiga Banda de Tabagón, D. Pablo Piedra González. A idade de 10 anos, da man do seu pai, iníciase na música e aos 13 años ingresa na Banda de Tabagón como saxofón barítono, onde permanece ata os 21 anos, cando ten que trasladarse ao Ferrol para realizar o servizo militar, ingresando entón na Banda de Música do Rexemento Mérida 44 de Infantería.

De regreso do servizo militar, incorpórase novamente á Banda de Tabagón ata o ano 1963, actividade que alternaría co oficio de canteiro e albanel. En 1965 por motivos de traballo, trasládase a Valladolid, traballando primeiro de capataz nunha empresa construtora e posteriormente como empresario no sector da construción.

Durante case corenta anos, Castelar non desenvolve actividade musical ata a súa xubilación, cando retoma o saxofón barítono na Escola de Música Municipal de Valladolid, onde estuda saxofón e forma parte de diversos conxuntos instrumentais da Escola de Música. Posteriormente pasa a formar parte das Bandas de Música de Laguna de Duero e da Banda de Música de La Flecha. En 2003 retorna a Galicia e dende entón forma parte da Banda de Música Agrupación Musical da Guarda.

domingo, 9 de mayo de 2010

Intercambio con Pola de Laviana 2007

Polo mes de marzo do pasado ano empezamos a buscar unha banda de música do Principado de Asturias para realizar un intercambio cultural, despois de contactar con varias bandas, a banda de música de Laviana contéstanos que si estaban dispostos a realizalo intercambio.
      Chega o día cinco de xullo, o día de partir; as sete da mañá todos puntuais no Conservatorio para cargar o autobús, e sobre as oito iniciamos a viaxe con destino a Pola de Laviana. Todos con cara de alegría e satisfacción, unha porque íamos a estar cinco días de  viaxe e outra porque participabamos no  " I Encontro Nacional de Bandas de Música de Pola de Laviana ", a nosa primeira actuación fora de Galicia. Fixemos unha paradiña en Vilalba para tomar algo e seguimos a viaxe con destino a fermosa paraxe da Praia das Catedrais en Ribadeo. Xa pola tarde en Asturias visitamos, o pequeno e pintoresco pobo de Cudillero, e dende alí continuamos  directamente para Pola de Laviana, onde nos agardaban no concello o alcalde, presidente, director e músicos da banda para unha recepción oficial na cal nos recibiron con moito cariño.


Bandas de Música de Pola de Laviana  e A Guarda fronte á Casa do Concello de Laviana.


 A continuación  instalámonos no  albergue "El Floran" en Sotrondio a cinco quilómetros de Pola de Laviana, xa pola noite, ninguén quería durmir, todos en grupos xogando e falando polas habitacións ata altas horas da madrugada. O día seguinte puxemos rumbo a Covadonga, no parque nacional dos Picos de Europa, visitando os lagos e a Basílica de Covadonga. Xa pola tarde fixemos unha parada en Rivadesella. O sábado día 7 leváronos a visitar o " Museo de la Minería y la Industria Asturiana" en Langreo, no cal tivemos a oportunidade de visitar o interior dunha mina e coñecer toda a historia e formas de vida dos mineiros asturianos. A tarde fomos a coñecer da cidade de Xixón xa que se estaba celebrando o festival da "Semana Negra".

 Chegou o domingo, o día de poñer o traxe da banda, sacar os instrumentos e poñernos a traballar, as 11 da mañá realizamos un pasarrúas as dúas bandas en conxunto rematando na Praza "Armando Palacio Valdés" diante do Concello, de seguido a banda da Guarda realizou un concerto no cal a gaiteira asturiana, residente na Guarda e neta dun lavianés, María Rosario Guerrero García que foi mestra de gaita no Conservatorio da Guarda e na actualidade profesora no Conservatorio Superior de Música de Vigo, interpretou un tema galego para banda e gaita, e como remate do concerto a banda da Guarda e a de Laviana interpretamos conxuntamente varios temas galegos e asturianos, finalizando cos himnos das dúas comunidades.
           

Despois dunha entrega de agasallos entre as dúas agrupacións fomos convidados a unha comida de irmandade na cal un dos músicos da banda, experto escanciador de sidra, fíxonos disfrutar dun "culín de sidrina".

O luns día 9, é o día da despedida, pero non sen antes coñecer a capital do Principado  "Uvieu" (Oviedo), fermosa cidade cun dos cascos históricos máis fermosos de España, visitando a catedral gótica, teatro Campoamor, alameda…

 
Xa pola tarde  de regreso a Galicia esta vez polo interior pasando por León, Benavente, e parada en Puebla de Sanabria, para chegar preto da media noite a Guarda, onde nos agardaban os nosos familiares. Foron 5 días nos que tivemos unha fermosa experiencia.



A finais de agosto contamos coa  presenza na Guarda da Banda de Música de Pola de Laviana, participando o sábado día 1 de setembro no Auditorio de San Bento xunto coa Banda de Vincios de Gondomar e a Agrupación Musical da Guarda no "I Festival de Bandas de Música  Vila da Guarda". Ó remate do festival, nos locais do pavillón municipal, celebramos unha cea de despedida para as dúas bandas invitadas.