Historia da agrupación.

 AGRUPACIÓN MUSICAL DE A GUARDA
      

Por  iniciativa  de pais e profesores do Conservatorio de Música e do Concello de A Guarda, nace en Novembro de 2001 o proxecto de creación dunha Banda Xuvenil de Música formada por alumnos do Conservatorio. Despois de dous anos de formación, a xove Agrupación Musical, actúa por primeira vez en público no Festival fin de Curso 2002-03.                 

Pero é o 25 de xuño de 2005, cando Agrupación Musical de A Guarda fai a súa presentación oficial apadriñada pola Agrupación Musical do Rosal, na Praza do Reló de A Guarda, con 44 compoñentes.


Primeiros compoñentes da banda
Dende a súa creación a Agrupación Musical da Guarda actuou en diversos actos culturais celebrados tanto na Guarda, como na Comarca do Baixo Miño: Encontro Internacional de Corais (ano 2004), Festivais de Santa Cecilia, ciclo de concertos de verán organizados pola Concellaría de Cultura e da Asociación de comerciantes (ACIGU)(anos 2003 e 2004), Festival benéfico de axuda aos afectados polo Tsunami do Sudeste Asiático (ano 2004), Festival de clausura do Cine Avenida (ano 2005), Festival de Músicos xoves de O Rosal (ano 2005), Festival a beneficio do Colexio de educación especial San Xerome Emiliani (ano 2006) no Auditorio Municipal de Goián (Tomiño), así como en distintos festivais fóra de Galicia: I Festival Nacional de Bandas de Música en Pola de Laviana (Asturias),  I Encuentro Nacional de Bandas en Arroyo de la Encomienda (Valladolid), Encontro de Bandas en lanhelas (Portugal), etc.  Participa tamén en moitos festivais de bandas: Vincios, Meis, Barbadás, Mos, Ortigueira, Marín, Lousame, Coruxo, Chapela, Cabral, Ribadeo, Chantada, Rianxo, Allariz, etc.

No ano 2009 participa por primeira vez no Certame Provincial de Bandas acadando o 2º premio na 3ª categoría (ata 45 músicos). No ano 2010 participa no X Certame Provincial de Bandas conseguindo o 3º premio e no IV Certame Galego de Bandas en Santiago acadando a 4ª posición. En agosto do 2011 grava o seu primeiro CD no Auditorio Municipal de Goián. En 2014 participa no programa Luar da Televisión de Galicia. En 2015 participa no III Festival Zonal de Bandas de Música da Deputación. A Agrupación ten ademais un grupo de iniciación que conta cunha una media de 30 músicos tanto nenos como adultos que forman a canteira da banda. Este grupo está dirixido por José antonio Soutelo.

A Agrupación organiza anualmente o "Concerto de Santa Icía" no mes de novembro e o Festival de Bandas "Vila da Guarda", e ademáis ofrece concertos monográficos durante o verán, como o "Concerto pop & rock", "Un concerto de película" ou o concerto da "Agrupación Musical de A Guarda con María do Ceo".

Despois do paro que provocou a pandemia en canto a actuacións, estamos retomando a nosa actividade e organizando novos concertos para este ano.