miércoles, 21 de diciembre de 2016

lunes, 28 de noviembre de 2016

SANTA ICÍA 2016



O sábado día 26 celebramos unha vez máis o tradicional concerto de Santa Icía na Igrexa Parroquial de Santa María. Nesta ocasión estivemos acompañados da Agrupación Coral Polifónica de A Guarda que abriu o concerto interpretando, baixo a dirección de Mari Silda Sánchez Lomba, seis fermosos e coñecidos temas, ofrecendo unha espléndida actuación. Felicidades polo voso traballo! 


                        Momento da actuación da Agrupación Coral Polifónica de A Guarda                          recollido pola cámara de Lalo Rodríguez



  

















 Dúas imaxes de Lalo Rodríguez. Á esquerda Prudencio Pérez entregando un agasallo á directora da Coral Mari Silda Sánchez. Á dereita Mari Silda posa co noso director  Víctor Alonso.



Ao remate da súa actuación o noso párroco D. Jesús García Villadóniga, presentador do evento, deu paso aos músicos noveles para entregarlles a insignia da banda, acto que simboliza a súa entrada oficial na Agrupación Musical de A Guarda. Este ano foron:



   Alba Vicente Pereira (trompa)

 

 Aarón Fernández foi o encargado de poñerlle a insignia a Alba


 
Nuria Fernández Martínez (frauta)

  



















Á esquerda Laura poñendo a insignia a Nuria. 
Á dereita as dúas compañeiras posando nesta imaxe de Lalo Rodríguez. 




Alberto Martínez Cadilla (trompeta)

 

  
















  Luciano ponlle a insignia ao novo trompeta Alberto


 
David Álvarez Mariño (percusión)

  


















  
 O noso presidente David recibe a insignia de mans do seu fillo Mateo, tamén percusionista.
A fotografía da esquerda é de Lalo Rodríguez.

  

Unha vez entregadas as insignias, procedemos á presentación do estandarte da Agrupación Musical de A Guarda que foi doado por particulares e que en adiante levaremos con orgullo nos nosos desprazamentos e pasacalles. O noso agradecemento a estas persoas que tiveron este precioso detalle con nós, facéndonos sentir unha vez máis o apoio dos nosos afeccionados.

Gemma posa  co estandarte da Agrupación Musical




Seguidamente deu comezo a actuación da banda que interpretou catro temas de diferentes estilos musicais, dirixidos como sempre por Víctor Alonso Treinta. Felicitamos aos músicos e ó Director pola súa magnífica actuación. A continuación a Coral e a banda interpretaron dous temas conxuntamente, que foron moi ben acollidos polo público: “Oda a la alegría” de L.W. Beethoven e “Nabucco – Va Pensiero” de G. Verdi.  



 Varios momentos da actuación


Como broche de ouro, a Agrupación Musical de A Guarda pechou o concerto coa estrea do “Pasodoble guardés” composto por José Luis Lorenzo Rodríguez, músico moi coñecido na nosa vila, quen recibiu un sinxelo recordo de mans do presidente da Agrupación Musical de A Guarda e o cariño do público presente que se puxo en pé para dedicarlle unha fortísima ovación por esta obra súa dedicada ao noso pobo. Moitísimas grazas D. José Luis en nome de toda a Agrupación Musical, por darnos a oportunidade de estrear a súa fermosa composición. 

 José Luis Lorenzo Rodríguez e David Álvarez, presidente da Agrupación.
Fotografía de Lalo Rodríguez

O noso agradecemento tamén á Agrupación Coral Polifónica de A Guarda por acompañarnos neste concerto, a D. Jesús pola súa inestimable colaboración e por suposto, ao público que como sempre acompañounos nesta noite tan especial para os músicos. Vémonos no seguinte concerto.

lunes, 12 de septiembre de 2016

FIN DA AULA DE VERÁN

Bueno, despois de dous meses de actividade remata a Aula de Verán cunha boa asistencia de rapaces e rapazas que tiveron ocasión de iniciarse na música e probar instrumentos de madeira e metal durante o verán. Agora chega o momento de volver ao cole e ó Conservatorio. Esperamos que o pasárades ben e que decidades continuar coa música. Moitas grazas pola vosa asistencia, estaremos encantados de volver a contar con vós noutra ocasión.




Grupos de vento madeira e de metal formados por compoñentes da Agrupación Musical de A Guarda, xunto co director Víctor Alonso, tocaron para os nenos e nenas que participaron nesta Aula de Verán.

 
Un dos nenos participantes probando o trombón de varas
O grupo de participantes no local de ensaios




lunes, 29 de agosto de 2016

X FESTIVAL DE BANDAS DE MÚSICA



O  pasado 27 de agosto celebramos a X edición do noso festival de bandas na Praza de San Bieito. Acompañados dunha boa cantidade de público e do bo tempo, ás 20:00 h fixeron a entrada na praza ás tres bandas participantes que desfilaron polo paseo do porto recibindo os aplausos do público ó seu paso. Xa no auditorio, Julia Sobrino encargouse de presentalos. 


A Banda de Música de Salvaterra no Paseo do Porto

Banda de Música "Airiños do Morrazo" de Moaña


A Agrupación Musical da Guarda desfilando cara á Praza de San Bieito

A primeira banda en actuar foi a de Salvaterra baixo a dirección de Diego Gregores Muñoz. É esta unha banda moi nova, pois formouse no ano 2007 aínda que polo ben que o fixeron parece que leven moitos máis. Parabéns! Seguidamente chegou a quenda dos de Moaña que interpretaron un variado repertorio dirixidos por David Pérez Trigo. As nosas felicitacións a estes rapaces e rapazas pola súa magnífica actuación. O concerto pechouse coa actuación da Agrupación Musical de A Guarda, dirixida como sempre por Víctor Alonso Treinta. Bo traballo rapaces! Pero antes de rematar procedeuse á entrega dun agasallo ás bandas convidadas como recordo pola súa participación neste festival. Recibiron tamén un detalle do concello que foi entregado por Elena Baz, concelleira de Cultura. Seguidamente procedemos ó sorteo dunha cesta de produtos entre o público asistente. O agraciado foi un dos acompañantes da banda de Salvaterra, que recibiu o seu premio de mans dos nosos compañeiros da directiva. Para pechar este festival a Agrupación tocou un último tema como despedida.


A Banda de Salvaterra durante a súa actuación
Momento da actuación de "Airiños do Morrazo" (Moaña)


A Agrupación Musical de A Guarda pechando o concerto

Entrega de agasallos

Queremos agradecer a asistencia do público que como sempre entregouse animando cos seus aplausos ás bandas participantes, e pedimos desculpas polos fallos ou retrasos que puidera haber. Grazas por estar aí un ano máis.

O noso agradecemento  a todos aqueles establecementos e particulares que colaboraron con nós para facer posible esta nova edición do festival de bandas. Grazas tamén o Concello da Guarda e a Concellería de Cultura. Esperamos vernos nunha nova edición. Ata a próxima.