domingo, 9 de mayo de 2010

Intercambio con Pola de Laviana 2007

Polo mes de marzo do pasado ano empezamos a buscar unha banda de música do Principado de Asturias para realizar un intercambio cultural, despois de contactar con varias bandas, a banda de música de Laviana contéstanos que si estaban dispostos a realizalo intercambio.
      Chega o día cinco de xullo, o día de partir; as sete da mañá todos puntuais no Conservatorio para cargar o autobús, e sobre as oito iniciamos a viaxe con destino a Pola de Laviana. Todos con cara de alegría e satisfacción, unha porque íamos a estar cinco días de  viaxe e outra porque participabamos no  " I Encontro Nacional de Bandas de Música de Pola de Laviana ", a nosa primeira actuación fora de Galicia. Fixemos unha paradiña en Vilalba para tomar algo e seguimos a viaxe con destino a fermosa paraxe da Praia das Catedrais en Ribadeo. Xa pola tarde en Asturias visitamos, o pequeno e pintoresco pobo de Cudillero, e dende alí continuamos  directamente para Pola de Laviana, onde nos agardaban no concello o alcalde, presidente, director e músicos da banda para unha recepción oficial na cal nos recibiron con moito cariño.


Bandas de Música de Pola de Laviana  e A Guarda fronte á Casa do Concello de Laviana.


 A continuación  instalámonos no  albergue "El Floran" en Sotrondio a cinco quilómetros de Pola de Laviana, xa pola noite, ninguén quería durmir, todos en grupos xogando e falando polas habitacións ata altas horas da madrugada. O día seguinte puxemos rumbo a Covadonga, no parque nacional dos Picos de Europa, visitando os lagos e a Basílica de Covadonga. Xa pola tarde fixemos unha parada en Rivadesella. O sábado día 7 leváronos a visitar o " Museo de la Minería y la Industria Asturiana" en Langreo, no cal tivemos a oportunidade de visitar o interior dunha mina e coñecer toda a historia e formas de vida dos mineiros asturianos. A tarde fomos a coñecer da cidade de Xixón xa que se estaba celebrando o festival da "Semana Negra".

 Chegou o domingo, o día de poñer o traxe da banda, sacar os instrumentos e poñernos a traballar, as 11 da mañá realizamos un pasarrúas as dúas bandas en conxunto rematando na Praza "Armando Palacio Valdés" diante do Concello, de seguido a banda da Guarda realizou un concerto no cal a gaiteira asturiana, residente na Guarda e neta dun lavianés, María Rosario Guerrero García que foi mestra de gaita no Conservatorio da Guarda e na actualidade profesora no Conservatorio Superior de Música de Vigo, interpretou un tema galego para banda e gaita, e como remate do concerto a banda da Guarda e a de Laviana interpretamos conxuntamente varios temas galegos e asturianos, finalizando cos himnos das dúas comunidades.
           

Despois dunha entrega de agasallos entre as dúas agrupacións fomos convidados a unha comida de irmandade na cal un dos músicos da banda, experto escanciador de sidra, fíxonos disfrutar dun "culín de sidrina".

O luns día 9, é o día da despedida, pero non sen antes coñecer a capital do Principado  "Uvieu" (Oviedo), fermosa cidade cun dos cascos históricos máis fermosos de España, visitando a catedral gótica, teatro Campoamor, alameda…

 
Xa pola tarde  de regreso a Galicia esta vez polo interior pasando por León, Benavente, e parada en Puebla de Sanabria, para chegar preto da media noite a Guarda, onde nos agardaban os nosos familiares. Foron 5 días nos que tivemos unha fermosa experiencia.



A finais de agosto contamos coa  presenza na Guarda da Banda de Música de Pola de Laviana, participando o sábado día 1 de setembro no Auditorio de San Bento xunto coa Banda de Vincios de Gondomar e a Agrupación Musical da Guarda no "I Festival de Bandas de Música  Vila da Guarda". Ó remate do festival, nos locais do pavillón municipal, celebramos unha cea de despedida para as dúas bandas invitadas.



No hay comentarios:

Publicar un comentario