Onte xoves pola noite ofrecemos o último dos
concertos que tiñamos organizados para conmemorar o noso X aniversario. Foi un
concerto diferente os habituais no que se combinaron a música e a imaxe. Afortunadamente
o tempo non foi tan malo como se prevía e permitiunos seguir o plan previsto
ata o final, ante unha praza ateigada de xente que desfrutou do
espectáculo.
O acto estivo presentado polo actor e
director guardés Nani Matos que nada máis terminar o concerto, foi chamando ós
músicos fundadores que aínda continúan na banda para entregarlles de mans do
director Víctor Alonso, un simbólico diploma en agradecemento e recoñecemento
polo seu traballo e dedicación ó longo destes dez anos. A continuación unha
compoñente da directiva fixo entrega dun agasallo a Víctor. Nani Matos fixo un
paréntese para dedicar unhas palabras ó director destacando a amizade que os
une desde hai trinta anos e de seguido, a presidenta da agrupación entregoulle
un detalle para agradecerlle a súa colaboración. Como broche final
proxectáronse unha serie de fotos que resumían a historia da banda nestes dez
anos de andadura, desde a súa presentación oficial o 25 de xuño de 2005 ata
hoxe; un percorrido no tempo no que se mostraron actuacións, viaxes, certames e
como non, momentos de ocio nos que os nosos músicos desfrutan da súa amistade e
compañeirismo fóra do ámbito musical.
O noso agradecemento o Concello da Guarda e a Concellaría de Cultura pola súa colaboración. Tamén moitas grazas a Nani Matos, Agrupación Musical do Rosal, Brais Martínez e cantas persoas nos axudaron na realización deste evento, e as casas comerciais que nos apoiaron desde o principio.
Rematado este ciclo de concertos que esperamos
foran do voso agrado, estamos preparando xa o IX Festival de Bandas de Música
que será o vindeiro 22 de agosto na Praza de San Bieito ou nos PP Somascos se
chove.
Moitas grazas a todos por compartir con nós estes
momentos musicais.
Esperámosvos o día 22. Non faltedes !!
No hay comentarios:
Publicar un comentario