miércoles, 27 de agosto de 2014

VIII FESTIVAL DE BANDAS DE MUSICA

Bo concerto o do pasado sábado na Praza de San Bieito. A xente foise achegando pouco a pouco a medida que avanzaba a tarde ata casi encher as gradas nunha das poucas tardes con bo tempo que temos neste verán tan atípico. Presentado unha vez máis por Elena Baz, a quen agracedemos a súa desinteresada axuda, o VIII Festival de Bandas Vila da Guarda deu comezo puntualmente coa entrada das bandas na praza logo de facer un pasarrúas polo paseo do porto.

 Ás 20:00 horas comezaba o concerto coa actuación da Banda Popular de Rubiós (As Neves) e de seguido a Banda Xuvenil de Torroso (Mos). Antes de comezar o seu concerto a nosa banda, membros da directiva fixeron entrega duns agasallos ás bandas invitadas; así mesmo o concelleiro de cultura Antonio Lomba, entregou tamén uns agasallos en nome do Concello ás tres formacións musicais.

Ó finalizar a actuación da Agrupación Musical da Guarda procedeuse ó sorteo dun lote de produtos entre o público presente e despois de entregar a cesta á persoa agraciada co número premiado, Elena deu por rematado o festival deste ano 2014.

O noso máis sincero agradecemento ó público asistente pola súa calorosa acollida, polos seus aplausos tan importantes para os músicos e pola súa fidelidade ano tras ano e concerto tras concerto. Grazas tamén ó Concello pola súa colaboración e os PP Somascos que sempre nos abren as súas portas. Por suposto moitas, moitas grazas ós establecementos colaboradores que coa súa achega fan posible a realización deste evento.

Esperamos vernos de novo o vindeiro ano nunha nova edición.

No hay comentarios:

Publicar un comentario